Comprender e aprender a usar a Enerxa Solar
Aviso previo
Esta Guía pretende ser unha ferramenta útil para os docentes que facilite, enriqueza e complemente o labor de sensibilización sobre a enerxía solar e as renovables dentro dos centros educativos. A linguaxe utilizada é sinxela, para unha doada e rápida comprensión dos contidos e actividades propostas. Trátase dun material educativo que o/a profesor/a poderá adaptar aos diferentes niveis educativos en función das propias características e necesidades dos/as alumnos/as en cada momento.

Fundamentos
Desenvólvese en forma de ficha de traballo con toda a información, o material e a definición dos obxectivos, de forma que calquera ficha se poida desenvolver dentro de calquera programa, sen mais restrición ca a da idade de comprensión dos conceptos que se desenvolven ou o tempo necesario para o seu desenvolvemento.

Ao non se planificar como unha actividade regulada, os contidos son xerais. Ao mesmo tempo, entre todos os temas posibles escolléronse aqueles que teñan unhas actividades asociadas realizables en calquera centro e cos medios máis comúns.

O esquema previsto para o seu desenvolvemento
Cada ficha contén texto e información gráfica para cubrir a explicación de cada un dos temas seleccionados. Cada profesor pode facer uso de todo o material conforme lle pareza mais apropiado segundo a idade e o nivel dos seus alumnos. De forma xeral, previuse que o/a profesor/a poida facer uso das fichas co seguinte esquema.

O/a profesor/a dispón dun texto escrito en forma comprensible para unha maioría de alumnos/as, que abrangue en parágrafos curtos os puntos máis importantes de cada un dos conceptos da ficha. Suponse que cada docente usará ese texto como guía das súas propias explicacións e non para distribuírllo directamente aos alumnos.

O material que se lles distribúe aos alumnos adoita ser un material gráfico (debuxos, gráficos ....) que reflicten con imaxes as ideas de cada parágrafo da ficha. Adicionalmente, o profesor conta cunha serie de suxestións en forma de experiencia práctica que pode desenvolver como apoio visual daquelo que se está a explicar.

Por último, a ficha contén unha folla de control do coñecemento que con base a algunha actividade concreta pretende que o alumno exteriorice os coñecementos que aprendese. Existen fichas adecuadas a distintos niveis e cada unha delas conta cunha mensaxe suxerindo a idade para a que vai ser máis eficaz.

A folla de control é moi diversa e pode abranguer niveis de idade distintos para unha mesma ficha. Non se pretende pasar ao nivel de experiencia práctica senón de forzar o interese e o debate do que viron e oíron alén do que poida durar o desenvolvemento de cada ficha.

Esquema xeral de cada ficha
Introdución
Un texto dirixido ao profesor que sintetiza o porqué da actividade, o fundamento ou o problema de comprensión polo que é interesante facer un esforzo de ensino co alumno.
Obxectivos docentes
Comprende un listado dos obxectivos de aprendizaxe que se propón conseguir ao desenvolver a actividade.
Materiais
Especifícase un listado de materiais ou de recursos de apoio que se poidan necesitar para completar a actividade.
Explicación detallada da actividade
Este apartado ordena de forma secuencial a forma en que se pode explicar o concepto primordial da ficha, a forma de utilizar o material da actividade e, de ser necesario, a distribución de grupos de traballo. Convértese nunha guía detallada para controlar o desenvolvemento da actividade.
Control do nivel de comprensión
O apartado final da ficha inclúe algunha fórmula de control do éxito da actividade. En particular cada ficha incorporará preguntas esenciais cuxa resposta implique a comprensión dos puntos fundamentais da actividade.